Subvencións I+D

Etiquetado de traxectorias de obxectos móbiles para a súa explotación eficiente en RDF Data Cube comprimido

Referencia:
TIN2015-69951-R
Institución financiadora:
Ministerio de Economía e Competitividade, Programa Retos da Sociedade, convocatoria 2015
Orzamento:
58.564 Euros
Nº investigadores/as:
5
Duración:
1-xan-2016 ao 31-dec-2019
Descrición:
Partindo da existencia de dispositivos móbiles que permiten capturar información espazo temporal puntual (xeolocalización, instante, aceleración, etc) relativa a un suxeito, como podería ser un traballador dunha empresa, ou un deportista realizando unha actividade física, este proxecto propón dous obxectivos principais.
Como primeiro obxectivo, por unha banda, preténdese facer un etiquetado semántico das actividades realizadas. Isto implica ser capaz de procesar a grande cantidade de secuencias de puntos espazo-temporais, segmentalas en tramos uniformes, e detectar as actividades realizadas. 
Estas actividades serán obxectos complexos cun maior nivel de abstracción que a secuencia de puntos orixinal. Entre outros, cada actividade incluirá unha etiqueta semántica, tempos de inicio e fin, suxeito que a realizou, identificador de localización (p.ex. tramo de vía), etc.
Por outra banda, neste proxecto preténdese realizar  a explotación dos obxectos multidimensionais asociados ás actividades, o cal implica a necesidade de modelar ditos obxectos de xeito similar a como se faría cun DW de traxectorias, aínda que neste proxecto usaremos o novo estándar RDF Data Cube, e almacenaremos as tripletas RDF nun triplestore. Para evitar a baixa eficiencia que poderíamos obter mediante o uso dun triplestore como Virtuoso ou RDF3X, un segundo obxectivo deste proxecto é o desenvolvemento de novas estruturas de datos comprimidas e autoindexadas para a representación de actividades seguindo o modelo RDF Data Cube, así como a algoritmia que permita a súa explotación.