Redes

Rede de tecnoloxías LiDAR e de Información Xeoespacial (TLIX)

Referencia:
R2014/049 TLIX
Institución financiadora:
Xunta de Galicia. Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria – Programa de ayudas para consolidación y estructuración de unidades de investigación competititivas del SUG – Modalidad de Redes. Convocatoria 2014
Orzamento:
120.000 Euros
Nº investigadores/as:
14
Duración:
1-xan-2014 ao 30-nov-2015
Descrición:
OBXECTIVOS CIENTÍFICOS E TÉCNICOS:

1.1. Estudo das necesidades para o almacenamento da información ofrecida polos sistemas LiDAR, propoñendo solucións. Debe terse en conta que a cantidade de información xerada é moi alta. É preciso almacenala para un mellor aproveitamento do seu acceso, ademais é preciso filtrala para obter a información máis relevante segundo o uso que se faga dela.

1.2. Estudo de posibilidades de visualización en tempo real da devandita información, ofrecendo interactividade. Actualmente varios grupos integrantes na rede teñen contrastada experiencia neste eido, e xa teñen implementado visualizadores para datos de información xeográfica. É necesario facer converxer todos estes desenvolvementos para obter visualizadores que cumpran cos requisitos necesarios de rapidez, interactividade e funcionalidade.

1.3. A identificación de posibles aplicacións prácticas de interese. A interdisciplinaridade e complementariedade dos grupos integrantes fai que resulte potencialmente moi produtivo o intercambio de ideas neste senso. Estudarase a súa viabilidade e as posibilidades que eventualmente poidan ter de ser incorporadas aos visualizadores. 

1.4. Estudo do procesamento eficiente do tratamento dos datos tanto para a súa visualización como para aplicacións prácticas. A resposta en tempo real dos visualizadores e das aplicacións será un requisito habitual, iso fai que o uso de sistemas de altas prestacións deban ser tidos en conta. Neste senso, o uso de sistema multicore, manycore, GPUs e clusters será unha necesidade. Tamén se estudará a posibilidade de uso de computación na nube.

OBXECTIVOS DE DIFUSIÓN E TRANSFERENCIA

2.1. O deseño dun portal web que sirva de escaparate das actividades da rede así como de punto de encontro para todos os actores implicados ou polo menos interesados na rede. Tamén se fará unha difusión a nivel de axentes científicos como de empresa e de alumnos en formación no ámbito da rede. O portal permitirá acceder aos recursos da rede como visualizadores, aplicacións, artigos, reports, actas das reunións científico-técnicas etc. O referido portal debe ser un elemento básico da rede, tanto para a comunicación entre os membros dela como para a súa proxección externa. Diversos grupos da rede teñen experiencia no deseño deste tipo de recursos polo que o deseño deste portal debe ser unha das primeiras accións a realizar.

2.2. Fomentarase a incorporación de novos socios aproveitando a asistencia a eventos do ámbito e sendo proactivo na busca. Do mesmo xeito intentarase establecer contactos con redes similares a nivel tanto nacional como europeo e iberoamericano. Prestarase unha especial atención á difusión das actividades da rede ás empresas do sector, tentando involucralas en actividades de I+D+i  cos grupos da rede. Finalmente intentarase captar a atención dos alumnos nos centros sobre as temáticas da rede a través da difusión directa nas aulas. A realización de teses de doutoramento ou proxectos fin de carreira codirixidos por polo menos dous membros de grupos diferentes, e con temáticas relacionadas cos intereses científicos ou técnicos enumerados anteriormente será un valor engadido importante á rede, e fomentará a captación de alumnos nos mestrados e programas de doutoramento nos que os grupos imparten docencia.

2.3. Estudarase a viabilidade de patentar ou rexistrar as ideas e implementacións ás que de lugar o traballo na rede, nas que participen polo menos dous grupos da rede.

2.4. Impulso de novas iniciativas para promover a investigación, como a solicitude de novos proxectos competitivos tanto a nivel nacional como internacional, incluíndo colaboracións con outros grupos de investigación, centros de investigación e/ou empresas e nas que participen polo menos dous grupos integrantes da rede.